Sunday 28 de April de 2024

Abegondo culmina a súa oferta de formación hortifrutícula neste 2023 cun taller de enxertos


• O curso de 10 horas celebrarase na aula da Natureza entre o luns 4 de setembro e o xoves 7

O Concello de Abegondo culminará a súa oferta de formación hortifrutícula neste 2023 cun Taller de Enxerto das árbores froiteiras. O curso terá lugar na aula da Natureza de Abegondo, na parroquia de Crendes, entre o luns 4 e o xoves 7 de setembro do 2023, en horario de 19:00 a 21:30 horas.
Deste xeito, estes catro días de formación compoñerán un curso dun total de 10 horas, cun custo de 25 euros por persoa e prazas limitadas. Para reservar un deses ocos é preciso contactar ao teléfono 618 740 561.

O taller incidirá nos diferentes patróns que se están utilizando en plantacións de maceiras tanto para sidra como para mazá de mesa, así como o tipo de enxerto con máis éxito á hora de prender. Así, esta formación é oportuna para todos aqueles interesados en coñecer como ter unha árbore froiteira forte, san e coa variedade desexada.

O curso culmina e pecha a formación que Abegondo realizou ao longo do ano 2023 con dous talleres de poda e un de pragas das árbores froiteiras. A maiores, para outubro está prevista unha Cata de Mazás que exerce como actividade complementaria. Esta cata servirá para divulgar se as variedades galegas e autóctonas ou as de fóra teñen máis preferencia entre os consumidores, a partir de avaliar aspectos como a cor, o sabor ou a acidez.